O Álbum dos Lucenses

Homes e mulleres que fixeron Lugo

Unha simple ollada aos cromos de O Álbum dos Lucenses que o lector ten nas súas mans chega para descubrir o rico mostrario de tipos humanos nados nesta provincia, a gran variedade de traballos desenvoltos por eles e a importancia acadada por moitos, ainda que tamén son numerosos os que permanecen fóra do recoñecemento público ao que se fixeron merecentes e que posiblemente esta publicación axude a que non se perdan da lembranza colectiva.

Ese é precisamente o principal obxectivo desta colección. Achegar os nosos paisanos máis ilustres ao común da xente para que todos sintamos fachenda polos seus éxitos.

Nestas páxinas podemos atopar políticos de todas as ideoloxías cometidos a todos os niveis, desde os que dedican os seus esforzos ao concello de orixe, a aqueloutros que tiveron responsabilidades de Estado, nalgunha provincia ou en Galicia.

Figuran tamén profesionais do foro, do ensino ou do Dereito; escritores, artistas plásticos, cineastas e xornalistas. Científicos, pioneiros nos máis diversos eidos e inventores. Hai tipos curiosos de difícil adscrición, comerciantes, industriais e como non, emigrantes que fixeron pola vida lonxe da súa terra de nacemento.
Militares, navegantes, heroes e vítimas dos máis diversos sucesos, así como tamén un capítulo reservado para aqueles que dirixiron a súa existencia por camiños fóra da lei, aínda que sexa para constatar que a inmensa maioría dos lucenses foron xente de paz, de ben e de orde.

O Álbum recolle tanto aos lucenses que desenvolven as súas actividades fóra da provincia, como aqueles que, nacendo noutras terras, teñen en Lugo o principal escenario do seu traballo. Era de xustiza facelo así, pois o vencello ao lugar non se consigue únicamente polo berce. Para El Progreso é un motivo de especial satisfacción comprobar esta abondosa nómina de persoeiros relevantes, no convencemento de que quedan outros tantos, ou máis, cos mesmos méritos para figurar no índice destes catro libros aos que o día de mañá as novas xeracións poderán acudir para coñecer este feixe de paisanos que destacaron nas máis diversas disciplinas.

Compártelo: