Pelúdez. O libro (1908-2008)

Compártelo:

Presentación do libro

Cinco autores e cinco visións dun mesmo personaxe popular da cidade

O Pelúdez protagonista do libro de San Froilán dos devanceiros

 
 

A evolución de Pelúdez e a súa familia dende 1908 ata 2008, centra o libro que este ano publica o Concello de Lugo dentro da colección de San Froilán dos devanceiros que xa leva 4 títulos publicados.

Este último, presentado polo alcalde de Lugo, José López Orozco, a concelleira de Cultura, Concepción Burgo, e o propio autor, Xosé de Cora, Pelúdez. O libro. Cen anos de sanfreiláns contados por el mesmo, está dedicado ao popular personaxe creado hai cen anos no seno do xornal El Progreso.

Os autores son Antonio de Cora, creador do personaxe, Juan Ramón Somoza, redactor do xornal, Purificación de Cora Sabater, director xerente de El Progreso durante trinta anos, Xosé Trapero Pardo, que foi cronista de Pelúdez durante máis de medio século e Xosé de Cora Paradela, que dende 1995 lle da vida coas súas letras a Pelúdez.

O 17 de agosto de 1908 saía á rúa o primeiro número de El Progreso e xa polo San Froilán apareceu nas súas páxinas o personaxe Pelúdez, un labrego que dende aquela, e da man de cinco sucesivos cronistas, espallaría os seus comentarios humorísticos sobre o día a día das mási fermosas festas do outono galego, e tamén sobre os diferentes aconteceres do ano que, dalgún xeito, recapitulaba coa súa característica retranca.

Pelúdez e a súa familia convertéronse en figuras típicas e simbólicas do San Froilán de Lugo. Con ocasión do seu centenario sae este libro que recompila unha ampla representación das crónicas peludecianas dun século, pero agora contadas en primeira persoa polo propio Pelúdez, convertido en cronista de si mesmo grazas á pluma, ou ao ordenador de Xosé de Cora, o xornalista de El Progreso que neste momento lle da voz a Pelúdez.

 
 

A publicación deste libro quere ser ademais unha homenaxe a un xornal que cumpre 100 anos de vida en Lugo, informando diariamente sobre as novas da cidade e da provincia e dando voz a realidades que se converten xa para sempre en historia recollida no papel. Hai un século tamén que naceu o Pelúdez, un mozo xa de 100 anos que dende a súa aldea da provincia acode todos os anos á capital para tomar parte nas festas do patrón, facendo a súa crónica diaria e poñendo o seu comentario humorístico á evolución do mundo.

O libro comeza cunha advertencia que di: “Para dar vida á sección protagonizada por Pelúdez nestes cen anos, os seus cinco autores empregaron o castelán e o galego antes e despois das normativización, ademais de localismos, arcaísmos, castelanismos, hipergaleguismos e unha sorte de disparatadas invencións aportadas polo personaxe. A fala peludeciana acada deste xeito unhas características únicas porque son propias dese home, dese tempo e desa paisaxe…”

A colección
A colección de San Froilán dos devanceiros publicada polo Concello de Lugo con motivo das festas patronais, conta con catro títulos xa nas rúas:

1.- Emilia Pardo Bazán en Lugo (San Froilán, 1906) por Javier Serrano Alonso

2.- A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875), por Darío Xohán Cabana

3.- O cinematógrafo nas festas de San Froilán de Lugo (1898-1930), por Fernando Arribas Arias

4.- Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959), por Darío Xohán Cabana.

El Correo Gallego