O calendario, o firmamento e os accidentes xeográficos marcaron desde sempre os cultos e as crenzas das distintas relixións. O cristianismo herda e adapta todas elas. Ese é o punto de partida da serie documental Herexes.
Ao longo de seis capítulos dunha hora de duración cada un deles, Herexes fai un percorrido polas circunstancias astrolóxicas, temporais e xeográficas que marcan as celebracións dos meses entre setembro e febreiro, tanto as que teñen orixe no inmediato paganismo como as que xorden despois da chegada do cristianismo.
Os seis documentais, que conteñen dramatizacións, animacións e imaxes 3D, analizan tamén aqueles costumes de relixiosidade popular inseridos na tradición de Galicia e moi especialmente a orixe do Camiño de Santiago, a fronteira co País dos Mortos, a Vía Láctea e a pegada romana. Do mesmo xeito, a serie inclúe distintas interpretacións que hoxe son consideradas heréticas, non tanto desde o punto de vista relixioso, como da ciencia oficial.
Para Herexes se realizaron gravacións en máis de duascentas localizacións de Galicia, Castela-León, Navarra, Andalucía, Madrid, Extremadura, A Rioxa e Francia. As escenas dramatizadas foron rodadas en Adai (O Corgo), Xinzo de Limia e Madrid. O guión e dirección de Herexes son de José de Cora e ao fronte da realización atópase Pepe Tejero. A produción estivo ao cargo de Mercedes Fernández e Memé Díaz. A música é de Eloi Caldeiro e as imaxes en 3D son obra de Kiko López.
Tamén interviñeron no equipo técnico Hugo Estévez, Javier Vázquez e Noel Rodríguez. O vestiario foi de Unha de Romanos, a maquillaxe de Pepa e a perruquería, de Ana Belén López.
Entre os actores que deron vida ás sucesivas dramatizacións, figuran Antonio Penedo, Mª José Gómez, Victoriano Azcárraga, Verónica Docando, Gonzalo Paradela, Chabely Díaz, Alba Mesa, José Torres, Milagros Marrondo, Iván Valle, Alberto Pego, Pilar Sarceda, Concepción Paredes, José M. Pol, Manuel Vila, e Ángeles Vázquez.
O elenco complétase con Clotilde Castro, Rafael Santomé, Salvador Sardá, Pilar Pazos, Mª del Carmen Rivero, Anuska Caneda, Nacho Zolle, Jorge Yáñez, Alfredo Río, Alejandro Cordeiro, Antonino Gugliandolo, Roberto Vázquez, Alejandra Colman, Iván de Serra, Belén Latas e Susana Martínez.
Tamén participaron unha vintena de actores da Asociación Civitas Limicorum da Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia.